Aquí andamos de novo! Para pechar este bonito proxecto tivemos un encontro con Iria Pedreira e Laura Romero, no que nos falaron do seu libro "Ferreñas e Rock&Roll".
Segundo nos contaron as autoras, tiveron que facer un grande labor de investigación e recollida de información para poder elaborar o libro. Nel recóllese a biografía de varias mulleres músicas galegas. A maioría delas son mulleres "anónimas", é dicir, que non son coñecidas no mundo da música, pero que fixeron e fan moito por conservar e transmitir a nosa música, a nosa cultura.
Laura ía casa por casa recollendo a información directamente da boca das protagonistas. Despois, Iria doulle forma a esa información para convertela nunha prosa ben fácil de entender, dándolle a cada unha a importancia que ten. Ao tempo, Laura, ía creando as ilustracións que acompañarían á prosa de Iria. Así, despois de moito traballo, remataron esta fermosa obra, que xa pertence á nosa literatura e á nosa cultura.
Foi unha mágoa que non puideramos traballar nesta actividade, porque o curso remata, pero retomarémolo no vindeiro curso, porque nos deixou o mel nos beizos.
Deixámosvos unhas fotos do encontro. Puidemos facerlles preguntas sobre o libro e sobre a profesión e gustos de cada unha. Recordámosvos que Iria foi alumna do noso cole e, por iso, estaba feliz no encontro, e nós, máis por poder contar con ela. Pasámolo xenial!
Para rematar a xornada, deixáronnos un exemplar dedicado, vaia luxo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario