luns, 5 de xullo de 2021

Ata aquí chegou este proxecto que comezamos con moita ilusión e con moitas ganas. 

Desexamos que vos gustaran as nosas actividades, fixémolas coa mellor das nosas intencións. Nós gozamos moito realizándoas! 

Gustarianos ter contribuído a normalizar o uso da nosa lingua, o galego, e contribuír á súa conservación, pois é parte da nosa vida, da nosa identidade, da nosa cultura, é parte de nós. 

Vémonos en vindeiros cursos! 

 

Unha aperta dos nenos e nenas de 1.º, 2.º, 4.º e 6.º de educación primaria do CPI de XANCEDA. 

 

Xanceda, xuño de 2021.

 Aquí andamos de novo!  Para pechar este bonito proxecto tivemos un encontro con Iria Pedreira e Laura Romero, no que nos falaron do seu libro "Ferreñas e Rock&Roll". 

Segundo nos contaron as autoras, tiveron que facer un grande labor de investigación e recollida de información para poder elaborar o libro. Nel recóllese a biografía de varias mulleres músicas galegas. A maioría delas son mulleres "anónimas", é dicir, que non son coñecidas no mundo da música, pero que fixeron e fan moito por conservar e transmitir a nosa música, a nosa cultura. 

Laura ía casa por casa recollendo a información directamente da boca das protagonistas. Despois, Iria doulle forma a esa información para convertela nunha prosa ben fácil de entender, dándolle a cada unha a importancia que ten. Ao tempo, Laura, ía creando as ilustracións que acompañarían á prosa de Iria. Así, despois de moito traballo, remataron esta fermosa obra, que xa pertence á nosa literatura e á nosa cultura. 

Foi unha mágoa que non puideramos traballar nesta actividade, porque o curso remata, pero retomarémolo no vindeiro curso, porque nos deixou o mel nos beizos. 

Deixámosvos unhas fotos do encontro. Puidemos facerlles preguntas sobre o libro e sobre a profesión e gustos de cada unha. Recordámosvos que Iria foi alumna do noso cole e, por iso, estaba feliz no encontro, e nós, máis por poder contar con ela. Pasámolo xenial! 




Para rematar a xornada, deixáronnos un exemplar dedicado, vaia luxo! 





 


martes, 8 de xuño de 2021

Coñecemos máis o noso concello e facemos que vós tamén o coñezades algo máis.

 Ola! 

Estamos de volta para anunciarvos que o pasado xoves, 30 de abril,  entrevistamos a diferentes membros do noso concello: ó señor alcalde, á concelleira Pilar e á educadora social Begoña. 


Coa axuda dos profesores redactamos as preguntas para despois facérllelas. Foi unha experiencia moi bonita! 

Deixámosvos as entrevistas a continuación: 

-Cantos anos levas de alcalde?

-Desde o ano 2007, 14 anos.

-É moi difícil ser alcalde?

-Depende das situacións, é difícil selo ao gusto de todos

-Que tarefas fai un alcalde?

-Nun concello pequeno o traballo é moi diverso: relacións cos traballadores, dirixir e coordinar o seu traballo; relación cos veciños, atender as súas demandas; relacións coas outras institucións, Deputación, Xunta e Estado; labores diversas e variadas como a problemática do Concello.

-Tes moito traballo no Concello?

-Sempre hai traballo, se se quere

-Que trasnada fixeches de pequeno?

-Uf!, supoño que faría algunhas, pero non recordo moitas. Acórdome dunha especialmente significativa, cando volvía do colexio da Ponte Carreira, ao baixar do autobús, un neno que ía no asento de atrás fíxome unha burla e eu respondín tirando unha pedra ao autobús. As ganancias diso foron máis ben pequenas, tiven un bo castigo.

-Cando eras pequeno, pensabas ser alcalde?

-A verdade, coido que non. Ao igual que vós podedes ver a política con certa indiferenza, eu non pensaba ser alcalde. Un alcalde xurde cando se dan certas circunstancias que levan a selo. Un non nace para ser alcalde.

-Que serías se non foses alcalde?

-Traballaría de técnico industrial na empresa na que traballaba. O día que deixe de ser alcalde, seguirei a facelo.

- Gustaríache ser alcalde toda a vida?

-Ser alcalde toda a vida, non. A política ten que ser unha etapa transitoria. Antes debe haber unha experiencia laboral. Non se debe eternizar. O que está claro é que os cargos vitalicios en democracia non deben existir.

-Cal é a cousa que máis che custa facer sendo alcalde?

-A cousa que máis difícil resulta é non poder arranxar un problema. Cando alguén expón unha necesidade ou problema e non poder resolvelo. A máis gratificante solucionar un problema a alguén, mellorar a súa vida.

-Que é o que menos che gusta de ser alcalde?

-A impotencia de non poder abordar todos os problemas, non poder atallar todas as necesidades do pobo. Moitas veces, aínda facendo o mellor posible, non se pode satisfacer aos veciños e un é criticado

-Que che levou a ser alcalde?

-Porque o anterior non se volveu a presentar. Eu xa era membro da Corporación e os compañeiros decidiron que era o idóneo.

-Cales son as decisións máis difíciles que ten que tomar un alcalde?

-A máis difícil, a de priorizar. Cando hai moitas necesidades e poucos medios, decidir que cousas se fan e cales se deixan.

-Inauguraches moitas cousas?

-Algunha que outra. Non son alcalde amigo de placas. Aprecio máis un sorriso ou un agradecemento que unha fría placa que ao final ninguén le. As persoas sería bo que nos recordasen polos nosos feitos e non polas placas.

-En que aspectos cres que ten que mellorar Mesía?

-Son moitos os aspectos nos que poderiamos mellorar: as vías de comunicación, sistemas de telecomunicacións, mellores medios de transporte coas cidades, mellores infraestructuras, mellores centros de saúde e mellor equipados. O rural condiciona. Tratamos de mitigar esas carencias.

-Se che deran o que quixeras para Mesía, que quererías?

-Íavos poñer a todos moi ben. Pediría uns bos servizos que fixeran que a xente de Mesía non se sentira discriminada coa xente que vivira noutros lugares, a nivel sanitario, educativo...

-Cal é o lugar de Mesía que máis che gusta?

-O lugar que máis me gusta... son todos. Sobre gustos non hai nada escrito, a beleza vai nos ollos de quen mira. Seguro que a cada un vos vén á cabeza cousas bonitas das vosas parroquias. É verdade que hai lugares que teñen máis visitas: a Ruta dos Muíños, As Brañas da Valga, O Castelo de Mesía... Seguro que hai cousas que aínda non descubrimos. Temos un concello moi bonito.

-Pensas que o noso Concello está ben adaptado ás medidas do COVID 19?

-O Concello o único que transmite son os protocolos de actuación que nos fan chegar. En materia sanitaria non temos competencias.

-Cres que a crise mundial do COVID 19 se vai solucionar pronto?

-Gustaríame que todo rematase pronto. Poder relacionarnos con normalidade e preservar a nosa saúde. Oxalá todos teñamos moitísima sorte. Formulo un desexo: “oxalá remate o antes posible”

-Alcalde, que farías para parar o virus?

-Calquera cousa que eu puidera aportar non serviría de moito. Científicos de todo o mundo investigan e vese que paralo non é fácil. Todos temos que seguir unhas recomendacións e consello nese ámbito. Pedirvos que sexades cautelosos, cumprindo as normas de sanidade para lograr frear a transmisión e que as vacinas cheguen a todos.

-Podería ser que chegase a fibra óptica a máis sitios?

-Ese é o noso intento e desexo, de que chegue ao maior número posible de sitios. A nosa obriga é esa e nesa labor estamos.

-Que proxectos ten para o futuro en Mesía?

-Seguir dotando de servizos básicos e esenciais. Continuar co servizo de auga. Tratar de  mellorar as infraestruturas viarias, parques infantís, instalacións deportivas...En canto a prestacións para os nosos maiores, se fose posible, acadar unha residencia. Somos un concello pequeno, só xeramos o 25% de recursos propios, dependemos doutras institucións. Seguiremos pedindo, pero falar de grandes proxectos non deixa de ser un desexo.

-Se cometiches algún erro, como o solucionaches?

-Seguro que moitos, errar é inherente á condición humana. Ben é verdade que de maneira intencionada, ningún. Erros na xestión, como calquera humano. Tratar de solucionalos  da mellor maneira posible.

-Que che gusta facer no teu tempo libre?

-Descansar. Algunha outra afección como a caza, a partida de tute cos amigos, enredar na casa con labores de xardinería...

-Gustaríache cambiar algo no Concello?

-Gustaríame que o Concello mellorase en moitas cousas. Somos un concello normal, con paz social, con relación de cordialidade. Cambiar todo o que son carencias para melloralas. Temos un Concello apetecible para vivir.

-Cres que Mesía ten condicións suficientes para teletraballar?

-Depende do sitio. Hai sitios onde hai condicións e outros con deficiencia. O desexable é que se puidera en todo o territorio.

-Cando chegará a fibra óptica a todas as aldeas?

-A intención é que chegue a todos os sitios. Dicir unha data é aventurado, pero estamos a traballar en que chegue a todos os recunchos.

-Cres que con esta pandemia a xente quere volver ao rural?

-Creo que si. É algo que se está vendo a diario, xente que está alugando ou comprando vivendas no rural. Durante o confinamento, sentimos condicionada a nosa vida. Se isto pasou no rural, con máis espazo para saír a fóra, como pasaría na cidade nun habitáculo de poucos metros, sen vistas. Isto que acabamos de vivir, vai motivar un retorno ao rural, para gañar calidade de vida. Vivir no rural é un privilexio, e, se tiveramos todos os elementos necesarios, xa sería envexable.

-Que lles dirías para que viñeran vivir a Mesía?

-Mesía é un sitio bonito, tranquilo, con boa xente. Temos prestacións básicas para desenvolver a vida de maneira normal. Seguro que ían gozar de moitas cousas que non hai na cidade.

-Terían oportunidades de traballo?

-O nivel de paro non é elevado. Sen ser un concello moi industrializado, temos grandes empresas con cantidade de traballadores

-Hai posibilidade de turismo en Mesía?

-Posibilidades de turismo, se a tendencia é vir ao rural, si. Non hai motivo para que non poida haber casas de turismo rural, de feito houbo dúas que agora non traballan, pero pode ser factible que volva a haber.

-Que lugares de interese hai para visitar?

-Pódense facer as rutas de sendeirismo. Temos un museo do barro e todo o entorno das Brañas da Valga. En época de verán, as áreas recreativas. As ruínas do Castelo de Mesía. Temos sitios merecedores de ser visitados. Calquera se pode perder polas nosas fragas, como a de Visantoña, catalogada como de “masas frondosas de Galicia”.

-Estás en contra ou a favor dos eólicos?

-Estou a favor das enerxías renovables, pero totalmente en contra da instalación de parques eólicos no noso Concello, xa que condicionaría o modo de vida e a economía existente no Concello. Hai sitios moitos máis idóneos para iso.

-Hai algún personaxe a quen se puidera facer un monumento en Mesía?

-Seguro que a historia de Mesía ten dado personaxes relevantes. Que baremo utilizamos para considerar a un personaxe merecedor dun monumento? Seguro que hai persoas merecedoras dunha homenaxe ou recoñecemento.

 

Queremos deixar aquí o noso agradecemento ao Sr. Alcalde que se achegase ao noso colexio e se sometese ao noso interrogatorio. 

Aquí vos deixamos a proba da entrevista: 



Agora, deixámosvos a entrevista a Begoña, a educadora social do concello. 

Cando eras nena, xa te querías dedicar a este traballo?

Non exactamente, de pequena quería se profesora de nenos pequenos.

Cantos anos tiñas cando comezaches a traballar?

Tiña 24 anos.

Tiveches outros traballos antes do que tes agora? Estaban relacionados con este?

Si. Si, estaba bastante relacionado. Cando comecei foi no concello dando clases á xente maior, un taller de memoria. Despois, xa comecei no posto que teño agora.

Es concelleira, traballadora contratada polo concello, funcionaria ou outra categoría laboral?

Son o que se chama persoal laboral do concello. No concello hai dúas persoas da política ( o alcalde e unha concelleira), tres funcionarios e o resto somos persoal laboral.

Por que decidiches dedicarte a este traballo?

Supoño que porque me gusta axudar á xente.

Cantos anos levas neste traballo?

Levo case 15 anos.

En que consiste o teu traballo?

Consiste en axudar á xente dunha forma ou doutra: prestacións económicas, servizos, asesorar no que a xente o precise...

Paréceche interesante o teu traballo? Por que?

Si, paréceme moi interesante, sendo repetitiva, faise boa labor axudando á xente, hai necesidades de familias que podemos cubrir.

Gustaríache traballar noutra cousa? En cal? Por que?

Estou moi contenta co meu traballo, pero se tivera que elixir outro gustaríame ser orientadora nun colexio. É un posto similiar, pero con nenos e nenas, xa que me gusta moito o contacto cos nenos.

Cantas horas diarias traballas?

No despacho ou domicilios traballo 7 horas diarias. Despois, estou pendente do móbil practicamente todo o día, por se xurde algunha emerxencia.

Despois de rematar a xornada laboral, levas traballo para facer na casa?

Entendido traballo en levar papeleo, non, pero teño que estar pendente do móbil, como xa vos dixen, estou de garda. Ademais, é habitual que pense todo o día como solucionar os problemas das familias que acoden a nós.

Que é o que máis e o que menos che gusta do teu traballo?

O que máis me gusta é o permanente contacto coa xente. O que menos me gusta son os trámites administrativos xa que quitan moito tempo a estar coa xente e axudala.

Custouche moito adaptarte ao traballo cando comezaches?

Non, adapteime ben. É certo que a práctica fai que todo sexa máis fácil, pero non me queixo.

Sufriu cambios o teu traballo co paso dos anos?

Si, cambiou, xa que está ligado ás cousas que ocorren no mundo, tal e como cambia a sociedade, cambian as súas necesidades. Por exemplo, na crise económica que vivimos cando vós erades pequenos, as familias víronse con menos recursos económicos. Agora, coa pandemia do Covid tamén xurdiron cambios.

Cal é a función dentro do teu traballo que resulta máis difícil realizar?

O máis difícil é tomar a decisión de separar a persoas da súa familia.

As funcións do teu posto de traballo son demasiadas para realizar ti soa ou dalas feito sen problema?

Necesito axuda. No departamento somos tres persoas, cada unha fai unha parte do traballo, pero somos necesarias as tres, e non funcionaría sen algunha delas.

Que etapa da vida das persoas é a que che resulta máis complicada á hora de traballar? Por que?

Coa xente de mediana idade, porque lles parece que o saben todo e cústalles moito recoñecer que os adultos tamén nos equivocamos.

É moi cansado o teu traballo? Por que?

Fisicamente non. Mentalmente si é cansado, é un traballo de moito estrés, porque sempre buscas axudar o antes e mellor posible e ás veces non é posible.  

Prefires traballar coas persoas maiores ou con nenos? Por que?

Gústanme as dúas etapas, porque me parece que a xente desas etapas é a máis agradecida, sempre consegues cousas boas e coa mediana idade non tanto.

Acariñácheste especialmente con algunha das persoas ás que atendes?

Si, con moitas, coa maioría. É un trato moi persoal o que manteño coa xente, sei todo da súa vida, acompáñoos durante moito tempo ...  é imposible non acariñarse.

Que traballos realizas cos ou para os nenos e nenas?

Nós traballamos coas familias, non directamente cos nenos e coas nenas, así axudando á familia, axudamos aos nenos tamén.

En que consiste o teu traballo de cara coas persoas con algunha discapacidade?

Axudarlles na medida no que a súa discapacidade faga que necesite axuda, teñen necesidades algo diferentes e nós vemos como cubrir esas necesidades.

Como afectou a crise do Covid ao teu traballo?

Temos máis demanda de traballo en certos aspectos: axudas económicas, axudas para coidar aos maiores... Por outro lado, cambiou tamén porque hai que evitar o contacto persoal, así que falamos moito por teléfono, hai menos contacto físico coas persoas.

Sabes como lle afectou a crise do coronavirus á vida da veciñanza? Podes dicirnos algún exemplo?

Algunhas familias viron reducidos os ingresos económicos, hai papás e mamás sen traballo ou no ERTE.

Por outro lado, moita xente maior no noso concello vive soa e, por esta pandemia, as visitas das súas familias víronse reducidas ou suspendidas.

É difícil traballar coa xente maior (anciáns e anciás)?

Non, nada difícil, en absoluto. En xeral responden moi ben, son moi agradecidos, son obedientes, gústalles que esteas pendente deles....

Danche pena os maiores que están sós por causa da pandemia?

Moita, porque o máis importante para eles é a familia e, pola pandemia, teñen que estar sen gozar dela.

Tiveches que atender a persoas con doenzas mentais? Como foi a experiencia?

Si. Foi moi interesante. Ademais, teño estudos en psicoloxía, polo que me encanta esa parcela.

Cal foi o caso máis difícil ao que te enfrontaches no teu traballo?

Ningún en concreto. O máis difícil é cando existen malos tratos, tanto para traballar como para asimilar.

Que é unha familia numerosa?

É aquela que ten tres ou máis nenos ou nenas. Despois, existen outros casos máis concretos, pero ese é o caso xeral.

Que beneficios ten unha familia numerosa?

A familia numerosa pode solicitar unha tarxeta para obter descontos en moitas cousas relacionadas coa infancia: supermercados, zapaterías, ópticas, actividades extraescolares ...

Que parcela do teu traballo che gusta máis ? Por que?

O trato coa xente é o que máis me gusta, falar coa xente e que confíen en min. Gústame o trato próximo coa xente.

Que son as tarxetas “Benvida”? Cres que as familias se benefician delas?

Son axudas que proporciona a Xunta de Galicia que consiste en que cando nace un bebé, a familia poida pagar os gastos do bebé. Duran o primeiro ano de vida do bebé e obteñen 125€ mensuais, no caso do noso concello.

Estou segura que si que se benefician dela.

Acostumas ir a centros educativos? Esta é a túa primeira entrevista feita por nenos?

Si, temos que estar en contacto cos centros educativos, pero non na aula, case sempre falamos coa orientadora, coa directora ou con profesores/as.

Si, esta é a primeira.

Algunha vez competiches con outra persoa para saber cal era mellor no traballo?

Non, nunca, cada unha do equipo temos unhas funcións complementarias, non hai competencia.

Cambiarías algo do funcionamento do concello? O que?

Algunhas ao mellor si cambiaría, pero as que cambiaría hai leis que nolo impiden.

Gustaríame que non houbera tanta burocracia, pero é así por leis que o regulan, non podemos cambialo.

Gustaríache ser alcaldesa?

Non, porque me parece dificilísimo e non me gusta a política, non podería dedicarme a algo que non me gusta. E, repito, é moi difícil, se se fai ben.

Que outro posto no concello che gustaría ocupar?

Gústame moito o meu posto, pero se tivera que elixir outro, gustaríame traballar na Casa da Cultura pola biblioteca que hai, encántanme os libros.

Que che gusta facer no teu tempo libre?

Ler, pasar tempo coa familia, cos nenos, e, se queda tempo, ir de tendas.

Por que aconsellarías aos nenos e ás nenas que loiten polos seus soños?

Vou responder referíndome a metas relacionadas co traballo e a profesión.

Porque dedicarte ao que che gusta é o máis importante, no eido laboral. No traballo pasamos moitas horas, é moi importante estar a gusto, é a única forma de conseguir unha plena felicidade.

 

Tamén nos gustaría deixar constancia do noso agradecemento a Begoña por prestarse a esta actividade. Ademais, agradecemos a claridade coa que nos explicou as cousas e que respondeu a todas as preguntas que tiñamos preparadas e ás que se nos ocorreron no momento. 

Deixamos as fotos da entrevista: 



 

Por último, deixámovos a entrevista que realizamos a Pili. Nesta ocasión publicamos o vídeo e algunhas fotos, xa que aínda somos moi pequenos e pequenas para poder apuntar todo o que nos contou.




Agora van os vídeos: 


                                            

















Ata aquí esta actividade, pero axiña teredes máis noticias de nós. 

Agardamos que gocedes do que facemos como nós gozamos ao realialo. 

Ata aquí chegou este proxecto que comezamos con moita ilusión e con moitas ganas.  Desexamos que vos gustaran as nosas actividades, fixémola...